Saturday 04 de May de 2024

Brión prepárase para celebrar mañá mércores o Día de Santa Minia, despois de catro días de festa con gran afluencia de xente


Ás 13:00 horas terá lugar a recepción de autoridades, entre as que están confirmadas o delegado do Goberno en Galicia, o delegado da Xunta na Coruña e o presidente da Deputación da Coruña

Todo listo en Brión para celebrar mañá mércores o Día de Santa Minia, punto e final a cinco días de festa que deron comezo o pasado sábado e que rexistraron unha gran afluencia de persoas devotas e romeiras. O alcalde, Pablo Lago, amosou a súa satisfacción “pola gran resposta da xente á programación deseñada polo Departamento de Cultura e os concelleiros de Cultura e de Festas”, ao tempo que destacou “o gran traballo realizado polos traballadores municipais e o equipo de Goberno para que poidamos todos desfrutar dunhas magníficas festas de Santa Minia”.

Mañá mércores a avenida de Santa Minia e a contorna da carballeira estará ateigada con máis de 150 postos de venda de rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados… Como xa é tradición, a música correrá a cargo da charanga Os Celtas de Negreira, que tocarán durante todo o día.

No que atinxe aos oficios relixiosos, as visitas ao santuario comezarán ás 9:00 horas, agardándose a maior afluencia coincidindo coa misa solemne, que terá lugar ás 13:00 horas na casa reitoral. Un ano máis, e por razóns de seguridade, as misas e o depósito de candeas terá lugar na casa reitoral e non na capela. Os demais oficios terán lugar tanto en horario de mañá (9:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas) como de tarde (16:00, 17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas).

Recepción de autoridades

Ás 13:00 horas, Pablo Lago presidirá a recepción de autoridades na carballeira de Santa Minia. Entre as confirmadas a día de hoxe figuran:

– Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia.
– Gonzalo Trenor López, delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña. (chegará ás 13:30 horas)
– Valentín González Formoso, presidente da Deputación Provincial da Coruña
– José Blas García Piñeiro, alcalde de Ames.
– José Antonio Pereira Gil, alcalde da Baña.
– Francisco Xabier Castro Tourís, alcalde de Dodro.
– Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira.
– Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume
– Luis Oujo Pouso, alcalde de Porto do Son
– Diego Luís Díaz Méndez, alcalde de Val do Dubra.
– Sandy Cebral Gómez, Carlos Noya Pereira, José Antonio Vidal González e Rosa Romero Fariña, concelleiros e concelleiras de Brión.
– Susana Señorís Rodríguez e Ana Belén Paz García, concelleiros de Ames.
– José Luís Lijó Parada, concelleiro de Porto do Son.
– Antonio Leira Piñeiro, deputado provincial.

Están pendentes de confirmación a esta hora o ministro de Sanidade, José Manuel Miñones; e os alcaldes de Carnota, Juan Manuel Saborido Rama; Santa Comba, Alberto Romar; e Vimianzo, Mónica Rodríguez.

A sesión vermú terá lugar ás 14:00 horas, coa actuación do Grupo Tania Veiras na carballeira de Santa Minia. Ao seu carón, cinco polbeiras estarán vendendo máis de 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco, entre outros produtos. Pola tarde, ás 17:00 horas actuará a agrupación musical tradicional Tíralle do Aire. As orquestras Finisterre (21:00 horas) e Olympus (23:00 horas) porán o broche de ouro ás festas.